Thursday 09 de May de 2024

O programa ‘Acompaña2.0’ é recoñecido pola súa labor de conexión interxeracional


• A directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, desprazouse ata as instalacións de Colaxe para coñecer de preto a evolución desta iniciativa na que participan 6 parellas, integradas por un voluntario menor de 35 anos e unha persoa maior de 55 anos.

• As sesións teñen unha duración de seis horas e desenvólvense unha vez por semana nas Casas do Maior. Nelas promóvese un intercambio de coñecementos sobre nocións máis actuais como o emprego de tecnoloxías e outras de corte máis tradicional como costura ou cestería.

O proxecto ‘Acompaña2.0’ posto en marcha desde a asociación laxense Escola de Tempo libre Colaxe foi recoñecida hoxe polo seu traballo como vehículo interxeracional.

A directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou xunto ao alcalde en funcións, José Luis Pérez Añón, a sede de Colaxe, onde puxo en valor a importancia desta iniciativa “para facilitar a conexión interxeracional entre a mocidade e os nosos maiores, permitindo así a transmisión de experiencias e coñecementos entre ambos grupos de idade”.

O programa ‘Acompaña2.0 Voluntariado Interxeracional no medio rural’ foi posto en marcha a comezos de 2023 cando os voluntarios, menores de 35 anos, recibiron sesión formativas en ámbitos como primeiros auxilios, voluntariado ou prevención de riscos, aínda que non foi ata o mes de marzo cando se asignaron as 6 parellas que forman parte da iniciativa.

Os encontros celébranse unha vez por semana nas Casas do Maior de Laxe, entre membros do programa do voluntariado e persoas cunha idade superior aos 55 anos, e neles promóvese un intercambio entre ambos grupos xeracionais nos que os máis novos achegan nocións sobre eidos como o manexo das novas tecnoloxías ou a realización de trámites en liña, mentres que os máis maiores ofrecen formación en disciplinas tradicionais como costura ou cestería.

Ademais, o programa ten por finalidade dinamizar a actividade no medio rural e darlle maior visibilidade ás Casas do Maior, espazos habilitados en Laxe e Traba onde se ofrece atención diúrna ao seus usuarios e que supoñen unha alternativa ao internamento a través de programas, servizos profesionais e tratamentos personalizados.

As persoas participantes poderán seguir participando nas sesións ata o vindeiro mes de setembro, cando se poña punto e final á presente edición da iniciativa.